Ir al contenido principal

Manifesto a favor da recuperación das primas para a produción eléctrica de orixe renovable


Manifesto a favor da recuperación das primas para a produción eléctrica de orixe renovable e pola derogación do Real Decreto Ley 1/2012, de 27 de enero, por el que se procede a la suspensión de los procedimientos de preasignación de retribución y a la supresión de los incentivos económicos para nuevas instalaciones de producción de energía eléctrica a partir de cogeneración, fuentes de energía renovables y residuos.

A enerxía é un dos factores que determinan a madurez e capacidade de desenvolvemento dunha sociedade, sendo imprescindible unha estrutura enerxética acorde coas características socioeconómicas dun país. España é unha unidade con escasos recursos propios, motivo polo que a día de hoxe está a importar da orde do 80% da enerxía primaria que consume, principalmente petróleo e gas natural.

Co fin de asegurar unha autosuficiencia mínima do exterior é imprescindible o desenvolvemento das fontes de enerxía autóctonas; Galicia é a Comunidade Autónoma cos mellores recursos en eólica, minihidráulica e biomasa en toda a Península Ibérica; ademais existen boas ubicacións para a instalación de enerxía solar fotovoltaica, coxeración e as novas tecnoloxías relacionadas co mar. A maiores dos beneficios da produción de enerxía (eléctrica ou térmica) somos líderes noutros aspectos sinérxicos como son a fabricación de compoñentes (existen importantes fábricas que dan traballo a miles de persoas), formación (se imparten dous másters oficiais de referencia), grupos de investigación universitarios ou na exportación de coñecemento a outros países nos que están empezando a desenvolver estas tecnoloxías (a internacionalización do sector supón importantes ingresos para as nosas empresas). O desenvolvemento das fontes renovables tamén desenvolven outras industrias vinculadas que son estratéxicas para Galicia, como son a explotación de montes, micoloxía, caza, explotacións gandeiras... As fontes renovables son máis distribuídas, xustas e sustentables e poden fixar poboación no rural galego, de forma que este siga a ser unha forma de vida.

Actualmente é necesario un apoio económico para estas tecnoloxías, en especial mediante a existencia de axudas á produción de “electricidade verde”; estas axudas non deben de considerarse como subvencións a fondo perdido, senón que son un medio para mellorar o seu desenvolvemento e igualar os prezos de produción ás fontes tradicionais como son os derivados petrolíferos, gas natural o enerxía termonuclear.

No caso da produción eléctrica as axudas están reguladas mediante a preferencia do Réxime Especial fronte o Réxime Ordinario, tal e como recolle a Ley 54/1997 do Sector Eléctrico. Inclúese neste grupo as tecnoloxías renovables (eólica, biomasa, minihidráulica, solar fotovoltaica…) e outras de alta eficiencia (coxeración, aproveitamento de lodos de depuradoras, residuos sólidos urbanos…). A aposta da Ley 54/1997 polo Réxime Especial está especialmente recollida na existencia das primas para a produción de electricidade deste grupo, estas primas son un incentivo económico que consigue asegurar a rendibilidade das novas instalacións.

As primas son imprescindibles debido a que producir un kWh mediante fontes de enerxía renovable ten un custe económico a curto prazo superior ás fontes tradicionais, aínda que esta comparación de custes deberíase facer a longo prazo, incluíndo os efectos negativos da contaminación, moi superior nas fontes convencionais e outros aspectos que non se consideran nos análises a curto prazo. Para que unha instalación de orixe renovable poida recibir a prima por cada kWh producido mediante tecnoloxías renovables é necesario que estea rexistrada no Registro de Preasignación, que mantén o Ministerio de Industria.

O Real Decreto Ley 1/2012, de 27 de enero, por el que se procede a la suspensión de los procedimientos de preasignación de retribución y a la supresión de los incentivos económicos para nuevas instalaciones de producción de energía eléctrica a partir de cogeneración, fuentes de energía renovables y residuos suspendeu temporalmente a inscripción neste rexistro, de forma que tódalas novas instalacións de orixe renovable que a día 27 de xaneiro de 2012 non figurasen neste Rexistro non poden vender a súa enerxía eléctrica a un prezo razoable, se non que deberían competir en condicións de “igualdade” coas fontes tradicionais. Este Real Decreto Ley suspendía de forma temporal as primas á produción eléctrica de orixe renovable, pero un ano despois da súa aprobación non existe ningunha noticia que nos faga pensar que esta suspensión é temporal, senón que da a impresión que será definitiva.

A contabilización dos custes de producir un kWh non se pode realizar unicamente a curto prazo, xa que o deterioro ambiental que provocan as fontes convencionais é moi superior ó das renovables; ademais as enerxías fósiles son un recurso limitado en continuo encarecemento e por iso pensamos que se debe considerar que se relegamos ás enerxías renovables fronte ás fontes tradicionais o incremento de custes a medio prazo será tan forte que fará infrutuosa calquera iniciativa empresarial na que a enerxía sexa a principal materia prima.

Como profesionais do sector debemos colaborar no desenvolvemento destas fontes; os asinantes deste Manifesto consideramos que é imprescindible a recuperación das primas ás fontes de enerxía renovable, así como o desenvolvemento a maiores da normativa para o Balance Neto nas P.E.M.E.S, polo que instamos á Consellería de Economía e Industria para que realice as actuacións oportunas ante o Ministerio de Industria para a derogación urxente do Real Decreto Ley 1/2012, e que se estableza un novo marco xurídico para as primas á produción de electricidade do Réxime Especial.

Nota:

A Asociación Galega de Xestores Enerxéticos é un grupo de xestores que vimos cooperando dende 2010; entre as actividades realizadas ata agora está a colaboración na celebración do Segundo Congreso Interuniversitario de Mantenimiento Sostenible y Eficiencia Energética e o Primeiro Congreso Galego de Xestores Enerxéticos, así como a participación en conferencias e charlas divulgativas.

Persoa de contacto:
Fernando Blanco Silva 
fernando.blanco.silva@edu.xunta.es
Teléfono: 636808993