O grupo parlamentario do Partido dos Socialistas de Galicia, PSdG-PSOE, ven de presentar unha moción para o desenvolvemento dun Plan Integral de Desenvolvemento da Enerxía da Biomasa, que foi aprobado co voto favorable dos diferentes grupos, a excepción do BNG, que optou pola abstención.
Esta Proposición non de Lei foi presentada polo deputado José Luis Méndez Romeu e insta á Xunta a presentar un Plan integral de desenvolvemento da enerxía procedente da biomasa en catro meses a contar a partires da aprobación da lei estatal de regulación do sector eléctrico.
Esta Proposición non de Lei foi presentada polo deputado José Luis Méndez Romeu e insta á Xunta a presentar un Plan integral de desenvolvemento da enerxía procedente da biomasa en catro meses a contar a partires da aprobación da lei estatal de regulación do sector eléctrico.
O devandito plan debe considerar o incremento da demanda da biomasa en substitución das fontes de enerxía convencional, en particular dos derivados petrolíferos, así como contemplar ademais o aumento da oferta de biomasa e promover os aproveitamentos sinérxicos da aposta pola biomasa.
Méndez Romeu, parlamentario socialista defensor da iniciativa, afirmou que Galicia é a comunidade cos mellores recursos en biomasa, pero o seu aproveitamento está moi por baixo das súas posibilidades, sendo incluso importadora de esta materia para as fábricas implantadas na Comunidade.
A biomasa ten un prezo por unidade de enerxía máis baixo que o gas natural, sendo unha solución idónea para o abastecemento enerxético dos pequenos núcleos de poboación así como para o abastecemento de calor en vivendas illadas e comunidades non urbanas. Ademais é un combustible pouco contaminante. Pese a estas vantaxes, o seu nivel de desenvolvemento está por baixo das cifras previstas no Plan de acción nacional de enerxías renovables.
Mediante o Plan integral proposto polo grupo socialista, se fomenta o emprego no rural que pode axudar á fixación de poboación nas zonas de menor ocupación. Ao mesmo tempo é necesario a implantación dun tecido que complete o ciclo de explotación da biomasa: a recolección, que incide directamente na prevención de incendios forestais, o tratamento en fábricas para o seu uso directo ou a elaboración de pellets e, finalmente, a combustión en centrais eléctricas ou caldeiras.
Para o despegue definitivo da explotación da biomasa en Galicia fai falta “o compromiso inicial da Xunta e do ministerio mediante a recuperación das primas á produción e mediante a modificación do IVE soportado” afirma Méndez Romeu, que considera que non existe a día de hoxe unha estratexia global a este respecto.